A Academia Galega do Audiovisual organiza para os días 16, 17 e 18 de decembro o II Congreso Galego Audiovisual que se vai desenvolver en Compostela no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.

A idea deste II Congreso -retomando o I Congreso Galego Audiovisual que tivo lugar no ano 1993 - é a de constituír un foro de referencia no que se involucre tanto a comunidade empresarial (os profesionais dos sectores relacionados e as asociacións correspondentes) como as entidades públicas e privadas que soportan

as actividades que teñen que ver co mundo audiovisual e, por suposto, os estudantes, ben sexa procedentes de facultades relacionadas directamente co mundo audiovisual ou doutras áreas interrelacionadas co sector.

O II Congreso Galego Audiovisual terá un marcado carácter profesional e empresarial; conta co patrocinio da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Consellería de Cultura – Xunta de Galicia, Xacobeo 2004, Consorcio Audiovisual de Galicia, Caixanova, SGAE-Fundación Autor e o Consello da Cultura Galega.

2004-12-18
A DIVERSIDADE CULTURAL, UNHA CUESTIÓN DE ESTADO: MANOLO GÓMEZ NAS CONCLUSIÓNS PROVISIONAIS DO II CONGRESO GALEGO AUDIOVIOSUAL
Defende-la diversidade cultural como unha cuestión de estado e coma valor engadido dentro do sector audiovisual, a reafirmación na defensa do cine español e a esixencia de unha maior e mellor consideración e interese por parte das institucións, considera-la necesidade de reforzar e asentar dentro dunha economía sostible á industria cultural, a implicación da sociedade e dos distintos axentes –empresas, organismos, institucións, industria...- na defensa do audiovisual, resumen parte das conclusións provisionais que o Comité Organizador do II Congreso Galego do Audiovisual e a Academia Galega do Audiovisual, organizadora do mesmo, arroxou despois de 3 días de intensa e variada actividade. Afondar nas fortalezas e debilidades, analiza-la situación actual –económica, social e culturalmente- no sector, debater sobre a presenza das novas tecnoloxías e nas novas linguaxes de comunicación audiovisual, foron obxectivos deste II Congreso Galego Audiovisual no que máis de 120 profesionais ofreceron charlas, conferencias, ponencias plenarias, debates, encontros..., nos que participaron arredor de 350 persoas do sector. Manolo Gómez, presidente da Academia Galega do Audiovisual e do Comité Organizador deste congreso, clausuraba ás 19.00 hs da tarde o acto, coa presenza de Enrique Glez Murga –subdirector xeral de Comunicación Social e Audiovisual-, Francisco Campos –director xeral da CRTVG-, Ignacio Varela –xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia-, Anxo Quintanilla –director de TVG-, Antón Louro –deputado polo PSdeG-PSOE no Parlamento español-, e numerosos representantes de empresas, entidades, asociacións e organismos relacionados directa ou indirectamente co sector audiovisual en Galicia.
2004-12-18
PETER OLAF FALOU DA TELEVISIÓN DIXITAL EN EUROPA E A IMPORTANCIA DA INTERACTIVIDADE
Peter Olaf, presidente do Grupo Europea da UER (Unión Europea da Radio e Televisión) e UET (Unión Europea Televisión) e da EICTA (Asociación Europea de Productores de Tecnoloxías do Consumidor) sobre o fomento do Persoal Dixital Recorders (PDR) para a televisión dixital terrestre, analizou as implicacións da interactividade e a televisión dende unha perspectiva práctica, considerando a televisión potenciada (Enhanced TV) e a televisión participativa, así como a televisión dixital interactiva. Examinou tamén tres factores que poden fomenta-la televisión dixital: máis elección, cualidade técnica e personalización. Neste contexto, afirmou, discútese a importancia relativa da interactividade como impulsora da televisión dixital.
2004-12-18
OS VIDEOXOGOS SUPERAN XA A TAQUILLA DO CINEMA E AS VENDAS ACHÉGANSE ÁS DO DVD
Os videoxogos xa superan a taquilla do cinema e as vendas achéganse ás do DVD, segundo afirmou hoxe Jorge Huguet, Senior Marketing Manager para España y Portugal de Sony Computer Entertainment ( PlayStation ) no II Congreso Galego Audiovisual. Consúmense perto de 100 horas ó ano en videoxogos, superando ó resto das técnicas de lecer, incrementándose o consumo en máis dun 20 por cento dende o 1995. No ano 1983, o orzamento dun videoxogo era de 0,04 millóns de dólares, e hoxe sitúase en 45 millóns aproximándose cada vez máis ó das películas.
 
Suscríbete al boletín del congreso
aceptar
 
Academia Galega do Audiovisual Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual Xacobeo 2004 Consello da Cultura Galega Consorcio Audiovisual de Galicia Sociedad General de Autores y Editores Fundación autor Caixanova